Castellano Galego Calquera compostelán ou galego ou persoa de ben interesada polo mundo sabe do señor das Hortas, de Isaac Díaz Pardo, moitísimas cousas xuntas nun só home verdadeiro, pequeno de físico e enorme, mesmo inmedibel, de homía e de ideal e de idea(s).Calquera neste país noso pequeno tamén ao físico e inmedibel ao ser patrio, matrio e fratrio, debese saber do mal momento que Isacc e familia e moitos máis están a pasar por mor de decisións empresariais, humanas de non boa caste, alomenos preocupantes por ser de princípio así de pronto INXUSTAS. E dicímolo así, inxustas, tanto na maldade das formas como na posibel falsidade do fondo. ISAAC e os seus NON PODEN IRSE DOSGRUPOS EMPRESARIAIS QUE AXUDARON A CREAR E QUE REPRESENTAN CO MERECEMENTO DE GRANDEZA E DIGNIDADE. Por iso o clamor de solidariedade e de acordo ten que ser INMEDIBEL, todo el nacido das persoas traballadoras, intelectuais ou non, pero si intelixentes, que debemos facer fronte común e mesmo de PRESIÓN para que as augas volvan ao rego e todo colla o camiño de AUTENTICIDADE que até agora nos dispensou O CASTRO E SARGADELOS e todos os anexos creados polo ideal " social(ista)humanístico" de Isacc e outros que con el colaboraron e colaboran. este niño empresarial acolle unha mornura de cultura e de compromiso, de MILITANCIA, dignos de maiores valoracións e sobre todo de RESPECTO e por iso, con prudencia e respecto a quen faga falla, NON TOQUEN A ISAAC DÍAZ PARDO Deixen que siga á fronte, máximo referente, desa iniciativa empresario-cultural, tan galega e universal, que nos coloca no MUNDO e marca de maneira importante o noso ser emprendedor e dinámico de creatividade e compromiso cos homes traballadores e mulleres traballadoras, os motores da producción de riqueza, a enerxía máis estimabel.ADIANTE E TODOS CON ISAAC, ADIANTE e ao lado del e dos seus. NESA SOLIDARIEDADE OBRIGADA polas nosas conciencias de clase nese marcado proxecto de dignidade e de restauracións. ADIANTE IRMÁNS...
Quedei anteriormente no Cine Capitol e agora falarei dos outros dous irmáns, do igual dono penso eu, por un lado O YAGO e polo outro O RAIOLA ( ao que logo se lle chamou AVENIDA). O primeiro estaba na rúa do Vilar, cerca do pazo de Vaamonde, aínda hoxe velo alí está pero con contido máis popular e galego, sobre todo galego, no mundo do expectáculo, teatro, monicreques,etc..Un cine d corte especial no que a xente lle tiña un aquel de distingo. Minoritario e selectivo no meu tempo. Non era para os das tres e media.Coido se non me falla a memoria que a primeira vez que entrei no Yago foi para ver " El manantial de la doncella" ( creo que se titulaba así esta película chea de interese polo efecto " sexual", que non o foi tanto, pero que daquela mandaba truco calquera pequena cousiña. Mesmo os cadros da censura da rúa do Villar, ao lado de Daviña, ardían en chamadas de fe e de pureza estricta, avisaban claramente e demasiado alarmistas. Menuda aquela. O seu irmán era o Raiola. Cine do Camiño Novo, xa entrando cara á Choupana, dicíano propio de xitanos e xente pobre das " chabolas" de Sta Marta e non era tanto, non era.Tiña a súa cousa, pois quitabas a entrada nun baixo e pasabas un campiño para entrar. As películas non eran de estrea ( non había moitas salvo os dos cines do " pueblo" que este quedaba fóra, mesmo do fielato).Era un cine no que respirabas pobo baixo, xente humilde, boa e que trataba de sobrevivir con moitas carencias. A el iamos os do " pueblo" pouco e máis ían os de Conxo e Choupana e Vidán e de por alí. Este cine tiña a súa propia personalidade e queríano dicir malo, de xente difícil, complicada. Non era máis que un cine cheo de xente humilde e pobre. Un auténtico " Cine de Barrio" cheo de historias e penalidades. Un lugar onde resumir desgrazas e maneiras complicadas de vivir e de existir. Canto me gustaría ir máis e poñer nel os " oídos", ler con eles e sacar moita riqueza, moita de seguro e tamén exemplos de como ser outros e emendarse e entregarse a causa limpa e nobre e subir, subir... ao meu pobo compostelán en especial. Velaí tres ditos e nomeados, tees cines de Compostela, con clientela específica de cada sesión e días.Velos aí os tres. Unha parte esencial dos meus cines da miña vida en Compostela. Unha ledicia basoluta recordalo e experimentar casos e cousas.Así mesmo.
Os cines de Compostela tiñan as súas propiedades vitais. Cadanseu posuía marca e distingo. Comezarei polo das tres e media de cando eu máis novo, O CAPITOL, ao lado da tenda de accesorios de Liste, do BAR COLON e fronte ao dentista David Suárez e moi claramente fronte do PATRÓN, o primeiro intento de casa de xogos, especialmente o futbolín, cheo de paxaros raros e cantores, moitos, e pombas de raza minoritaria que nos chamaba tanto a atención aos rapaces, alí no Patrón aproveitabamos para facernos cunhas das pelotas do futbolín para usalas ao xogar ao Hockey ma rúa con "sticks" feitos cañotos verdes das coles que roubabamos nas hortas de detrás da rúa da Trinidade indo para a casa da Tumbona da que tanto fala Isaac Díaz Pardo.Pois ben ás tres e media aos domingos alí estabamos á cola para coller unha butaca ( arriba). Pola miña condición de clase xa nunca pensaba en coller un " mirador" ou un " sillón", que estas entradas eran privativas para min e para tantos outros.Alí de primeiras vin as películas en branco e negro en especial " Flecha Rota" e velaí que apñausos cando viña o " exército de salvación" a toque de corneta. Chegaba cando a situación era límite e xa as nosas inquedanzas de nenos daban a fin.Logo veu a color e o cinemascope ( máis ou menos). Comezaba a película a arrecendos de sabor de caramelo de menta e de toffee,a dous " patacóns" ou a " real", a bolas de anís de a " perra" e con algo de cacauetes, pois as pipas e as chufas viñeron despois e collíanse na Rabeada no Toural ao lado do bazar Pazos e Bernal.Foi algo que sempre recordarei. O acomodador, o " Rúa",que traballaba na Unión Cristaleira, onde hoxe está o Café Miami, en doutor Teixeiro, chamábanos a atención ...polos nomes!!!Incribel pero certo Aquela cidade familiar onde cada quen era o que era e sabíase e respectábase.As nenas ben ian ao cine das tres e media ao Capitol a "sillón" ( algunhas a " mirador") acompañadas, ben da tía solteira, da irmá maior ou da criada ( poucas veces dos pais).A separación de clases era manifesta, nós, os de butaca, os de arriba, eramos de pouca cousa ( para eles) pois nós nin siquera reservabamos as entradas por teléfono e aqueles de " sillón" moitos si que o facían pois tiñan influencia e rol social no contexto do franquismo puro e duro e tamén no de vivir en Compostela que tiña a súa singularidade. As portas do cine abríanse e uns iamos escaleiras arriba e contra atrás, pois diante era " mirador" e outros ao entrar collían recto a " sillón". Como se ve nós sempre pelexando por subir ( mesmo escaleiras) e logo baixar xustamente a onde eramos e que nos daba un non sei que pois castigarnos sen cine era moi duro ( dou fe).Moito.O cine Capitol, como o Yago e penso que Raiola ( deste non estou seguro), digo que penso que eran dos mesmos donos. O Metropol, o Principal e o Salón Teatro, estes eran da Compañía Fraga de Vigo, seguro.Os donos do Capitol non se sentía dicir quen eran ( igual cós do Yago e Raiola, que despois chamouse Avenida).Seguiremos con máis noutra entrega de Cines. Hai que contar.
Ben que recordo cando rapazolo o camiño a Peleteiro, primeiro fronte á delegación de Iberia, na Rp.Arxentina e logo xa aló preto de Ramirez pegadiño á casa de Estepa.Alí xa, marcando a hora a serea da Tintorería España, comezaron os primeiros pitillos e os primeiros amoríos.Tamén nas hortas de detrás á casa de Arrojo, quero pensar que así foi, xogamos ben veces ao futbol cunha pelota especial. Unha pelota das de " gorila", verde non grande, que daban de propaganda por mercar un par de zapatos desa mesma marca ( " gorila").Tamén as primeiras gominolas foron mercadas, ao igual cós regalices,na botica de Costas Canoura que estaba ao lado do colexio e non onde agora, alí na praza de Ponte Castro, penso que así se chama.Tamén xogabamos ao futbol no solar que nos permitía a cocheira da aviación, agora cos edificios da Rosaleda, non os chalés, ollo.Como eramos moi novos non nos tiraba da atención o edificio, ao lado de onde onde vivía o avogado Porteiro, que era onde daban radiacións ( especial para o cancro), pero ao ser noviño non se pensaba nesas cousas.As distancias estaban relativizadas.Pasar da alameda xa era lonxe. Ir por Matacáns cara á cocheira de Castromil, pasando por FENOSA, xa era lonxe e a Rapa da Folla e a Costa Nova, como o Camiño Novo, eran lonxe. Meu pai non quixo unha das casas de Ramirez por estaren lonxe ( manda nabo)...Por estaren lonxe!!! Hai que ver. Pois ben ir ao monte da Almáciga era unha verdadeira excursión como ir ao Viso de Sar, cerca do Gaiás ( onde queren facer " faraonismo" coa mal chamada " cidade da cultura"). Recordo que dunha vez contaban que en Aríns ocorrían cousas milagrosas, que se torcían olas e culleres, cazos e garfos, por obra do " demo" e aló fomos por ver. Recibíunos unha señora e ensinounos algo. Unha culler dobrada...e viñemos para Compostela con moito medo no corpo e temerosos de que a cousa aquela do demo chegase á cidade ( claro que sempre nos salvarían o Apóstolo e o Pilar , como dicía un algo maior cá nós,moi relixioso, dicía con rotundidade que España non podería pasar mal nunca máis pois coidaban dela o Apóstolo Santiago e mais a Virxe do Pilar e con esta parella de tanto peso en España bastaban para salvarnos de todo mal e a nós acaíanos ben aquela cousa de estar tan ben protexidos, si señor, acaíanos ).Ir ao Pedroso xa era unha fazaña que contar. Con frecuencia si que caíamos polo río dos Sapos, alí por baixo do Monte Pío ( agora lugar onde ten a vivenda o Presidente da Xunta). A cousa era por nos bañar, pois Compostela non ten mar, aínda que ten unha Sta Marta e tren tamén, pero sen tranvía. Ai Compostela nosa ( e moi miña)! Canto teño que contar de ti! Canto me dás para poñer en activo e para activarme.
E velaí que o sábado do que anteriormente falei, e que agora sigo con el, co paseo,logo de pasar a Fonte de San Fructuoso, subín cara á Praza do Hospital ( hoxe dita do Obradoiro). Antes de cruzala mireille ao portón do Hostal que xa pouco ten que ver con aqueloutro monacal, sóbrio e con aire humilde, propio do ben que non da riqueza.Crucei a praza e fun á par da catedral a embocar nas Praterías, fonte á esquerda, a dos cabalos traballada en pedra polos canteiros de Cuntis. Metínme logo pola rúa do Vilar. (Os Vilares que hai hoxe representados os de antes por propietarios de comercios de xoguetes, dous, terán algo que ver con este nome?). Había moita xente. Os chamos para os turistas están intactos, non hai moita innovación. O de sempre. Xa farta moita mercadoría. Non me parece lóxico iso da oferta de botellas de ribeiro entre outras cousas máis ao caso e apropiadas. Outro tanto as tortas de améndoa ( que si estaban moi ben nas confiterías de sempre como A MORA e outras DAS QUE XA NON ME ACORDO MOITO DO SEU NOME aínda que sei que dúas estaban no Toural, unha xunto a Carro ( que alí está) e outra ao lado da que agora é a Fundación Granell e tamén a da Orfas que está. Había unha que non era exactamente confitería e si docería que estaba ao lado do Caserío, dando co calexón que a separaba da Botica de Bescansa). Pois ben que non coño, que non, que habería que regular o choio de mellor forma.Tamén vin con emoción, pois Compostela para min é unha emoción na luz dos soños e no sabor dos sentimentos, vin como botaron peche varios lugares, como o estanco da Raíña case que ao lado do que antes foi o BAR ROIS paraíso dos bocatas de calamares e cervexa da mellor en vaso daquela que era novo.Así mesmo esa emoción foime ao peito cando un día sín do aparcadoiro de Castromil e en collendo por xunto ao Derbi vin como a Ferretería dos Bernais pechou. Alí que na súa porta sempre había un saúdo de " Farruco" ( compostelán compostelán cós composteláns que cos demáis xa era ofariña doutra maquía) e outra volta cando atopei un bar no sítio do Bazar de Bernal. Hai cousas en Compostela que che din o paso do tempo, os anos que se van para facernos algo outros.Tamén recordo o Comercio de COMERCIAL MATEO fronte á Fonte de Bautizados ( así ben chamada pois ningún que se gabase de ser de Compostela podía non ter caído nesta fonte, debía "bautizarse", da mesma maneira que debía ter un sinal na perna dun tiro de sal de " Papa Varela", que che caía en menos de nada cando ías aos grilos aos xardíns, herbais, do Campo da Residencia e alí andaba el á percura de que ninguén pisase).Botei de menos a LIBRERÍA GALI onde tantas veces fun pedir un papel secante, que os regalaban de propaganda, mellor se mercabas algo, pero tamén chos daban sen mercalo, pois coñecíante e sabían que irías alí cando precisases algo. A oficina de turismo ao lado do Carballeira.Alí onde estabamos á espera dalgún turista que nos dese algo de moeda, que nos pedise un traballiño e por tal nos caese algo ( repito que fomos nenos da rúa en Compostela).En fin un paseo amoroso e cómplice cos recordos da miña cidade ( non todos, pois seguirei con eles). Moitos recortes de ostias comín por unha peseta. Ia por eles a Carretas a enfronte ao Asilo. Con ese recortes de primeiras adestrámonos para a primeira comuñón e logo para facermos misa. Tiña algún amigo que a facía moi ben ( logo foi ao Seminario de Belvís, ao novo como o chamaban e ao se San Martiño Pinario dicíanlle o vello).Ai miña matria de pedras que pisar firme canta seguridade me dás e eu non teatendo como quixese, pero ireino facendo a máis.Teno por seguro.
Fun "ao pueblo". Non o fixen en autobús como outrora. Naqueles de Vilariño ( que eran os que me correspondían, pois os de Caeiro tiñan outras liñas). Non sei o porque os rapaces daquela tiñamos tanta lea en declarar cales eran os mellores autobuses de Santiago, pois non eran nosos, nin siquer nos trataban ben os conductores, nin os revisores.Ouro tanto nos pasaba nas retesías, isto algo antes, entre O CASTROMIL e O CELTA. Celebrabamos a aparición dun coche novo e claramente espectacular pola carroceiría e asentos, e servizos e tecnicismos. Así tiñamos o noso virtual no real.Pois ben, digo que fun "ao pueblo" e nin siquer eu levei o coche. Metémolo debaixo do CAMPO DA LEÑA.Saímos a andar pola parte de atrás a carón do que foi no seu tempo sede do Seminario de Estudos Galegos e fomos pola rúa cara ao cárcere parellamente ao CAMPO DAS HORTAS que emboca no calexón da TUMBONA,pero nós xa para nos meter en CARRETAS.Canta melancolía ( que non nostalxia, esta non, que esta non dá proxecto, melancolía si e memoria tamén).Compostela sempre e punto e seguido.Punto e seguido.Seguirei, Isto foi o comezo dunhas vivencias aprezabeis.Necesarias.Marabillosas.Seguirei.
O Castiñeiriño é relativamente unha parroquia nova. Outrora a estrada de Ourense marcaba a divisoria, unha parte, a de arriba, pertencía a Sar e a outra, a de abaixo, servíase relixiosamente na Mercede de Conxo. Así foi ata que colleu parroquia de seu, a de Fátima e que celebra neste xuño, ao redor do trece, a festa do Santo Antón. De primeiras o campo da festa estaba nos terreos que pertencían a Obras Públicas e que eran os comprendidos entre a estrada de Ourense e a estrada da Estrada.Hoxe xa moi reducido non sei se dará para facer festa e penso que non , popis algún tempo fíxose entre o CEIP e a igrexa parroquial, por dicir no patio de recreo. Da mesma maneira que Vista Alegre, Conxo e Sar, o Castiñeiriño polas súas festas prepara a " cabra". Nas tabernas e nos restaurantes e moi en especial no Paz Nogueira e no Luciano, antes tamén no Paxaro e no Carballeira, agora o primeiro non existe e no segundo penso que non se prepara a cabra ou se si é pouco. Por uns días antes chegaban ao barrio os " cabreiros" e as xentes mercaban as cabras para a festa da casa chea de "festeiros" e os bares encargaban as súas para poñer á venda.Moitísima xente de Santiago, " do pueblo" dicíase, e tamén en especial de Santa Lucía e de Cacheiras e Oza, concorría nas festas do Castiñeiriño para degustar da "cabra", a cal se poñía por xunto con ensalada, pan e viño, velaí cobrábase por xunto. Quen levaban a maior venda eran Paz Nogueira e Carballeira, logo xa os demáis era por menos. A preparación era moi semellante. Poñíase con patacas douradas, un pemento vermello e ensalada nalgúns, ou todos, os casos. Preparabase moi ben e disimulábase por elaboración o bravío de ser animal xa grande ( cabra que non cabrito). Hoxe a cousa foi a menos e xa queda pouco do de antes. Aínda algo, iso si, pero xa non a multitude dos tempos idos. A mesma festa en si tampouco ten a concorrencia de antes e é explicable pois os intereses da mocidade xa van por outros camiños e apetencias.De todas as maneiras algo queda e moito pode recuperarse se é posibel.Xa se verá pois a festa non se rifa coa modernidade, digo a tradición, mellor cá festa en si. Imos ver que ao mellorsalta a chispa e o asunto volve a coller o pulo impensabel e ponse a mil.Veremos.
Cando a cidade hoxe capital de Galiza, malia que lle pese a moitos ( e non tantos direi mellor), se movía case que de murallas para adentro e a carballeira de Santa Susana, coa alameda, eran como estramuros, pola Ascensión, que da Pascua até ese día corenta días son,a Compostela chegaban moitas almas e todas do país ( non era como no apóstolo que viñan de todo o mundo). A idea era facer "feira". Pois non olvidemos que daquela, poño por caso polos anos cincuenta e catro máis ou menos, as feiras eran un día de moito ter.Tiñan o trato, o comercio necesario, o abastacerse do preciso para a casa e para vestir e calzar, e tamén para o lecer, pois Compostela celebraba festa grande ( a máis sempre foi o 25 de xullo), pero esta era - e seguirá sendo- moi popular e de sentido galego, vamos que co seu aquel de familiaridade e de veciñanza.As xentes, como se dicía, " viñan ao pueblo". Feira e o que iso conleva, trato e polbo, romaría pola Carballeira de Sta Susana, atracción de festa e de romaría, moi en especial as carreiras ciclistas que ían collendo a sona que hoxe gozan, os pasarrúas e bailes da alameda ( que non na "paxareira", que eran de pago e iso sentou moi mal, tanto pola Ascensión e non digamos polo Apóstolo, o pago estivo moi mal ideado, moi mal). Os rapaces gozabamos das tómbolas ( en especial da Tómbola da Caridade, que era fixa e moi animada polo locutor (seudo...) Luís Rial ( non lle direi Lois pois el de galeguización nada de nada por moito que traballe ou traballase na RG, diso nada e xa se queremos falaremos da súa esencia e militancia, que si que a tiña e ten ,pero moi no de "panza" e " ista", que lle vai ben). Tamén os " barrigaverdes" e as cousas tan especiais, como os "milagres" das vacas con dúas cabezas ou outras cousas máis que ensinar ( cobrando). Gozabamos das améndoa " garrapiñadas" e eu en especial do cabelo de azucre, canto tempo mirando para aquel trebello no que se lle botaba un case nada de azucre en cristais e saía unha enorme fusada de fío azucrado de color rosa. Canto gustei de tomalo...aínda hoxe o quero.Esa memoria de nenez nesa patria que é e que non pasa nunca.Logo as tómbolas dos " balíns" a lle tirar para un pitillo de Bisonte. Eu nunca lle tirei ás cintas con agasallos mellores.Tamén, aínda que eu non xogaba, parábame nos aparellos da boloas coas que facer correr ao cabalos de carreiras. Sempre agardei polo agasallo sorpresa e nunca me tocou. Nonfun afortunado nas tómbolas.Nin nos xogos. Outros colegas meus si o eran e moito.Pero si que oconto con gusto, con sabor a terra en pó e calor.Outros anos a choiva. Que compostela é así co seu tempo. A cidade sofre o ceo que ten e goza del asemade.Non hai dúbida de que así é e así ha ser polos séculos que se escriban...amén.
Pois ben, parece ser que dende o Goberno do Estado van poñerse ao choio, a falar, a dialogar, con ETA ( pois tamén digo que sería mala cousa poñerse a negociar, xa que logo mellor... diálogo entre quen queren chegar a acordo, a conclusións, máis cá pacto, que iso así non me gusta).O Goberno de todos. O Goberno democraticamente elexido, guste ou non, pois se somos... somos... a que si?,cos seus compoñentes e interlocutores válidos e recoñecidos de tal, deben colocar enriba da mesa os referentes precisos para orientarse nun acordo que non será definitivo ou absoluto e si consonte a secuencias de tempo para chegar á fin cando proceda e sexa posible.Ninguén debese quedar fóra desta ocasión. Outro tanto deben facer os de ETA ( que eu non lle vou chamar terroristas) e si estar de verdade abertos na actitude certa de chegar a algo para ir adiante e acadar algo que nos poña no logro de convivir, de integrar na sociadade e non soamente falar de pacificación como se de simples vencedores e derrotados se tratase. Gústame que a democracia permita de seu un espazo de mirarse aos ollos, aos corazóns e así entre cerebro e sentimentos as cousas teñan movemento de proceso que nos leve a algures satisfactoriamente retroalimentándonos de contino pois todos temos que aportar. Non se trata de deixar para que outros ocupen.Trátase de equilibrar, dando e collendo xenerosamente, aportando con firmeza, sen perder de vista o norte da normalización mellor e máis posible. Vai haber tropezos, ditos e desditos, apuntamentos e dúbidas, sufrimentos e tamén satisfaccións inmedibles, pois o referente é a propia democracia baseada na convivencia e na liberdade e non en simplemente cohabitar entre diferentes.
DÍGOCHO...
acende amigo o corazón
e ponte a mil.
mira como se van as escumas
e fainas túas.
non rexeites ti a sombra
do mantón furado.
coida da luz de fusco
e da de lusco.
para que nada polo solpor
te pille lonxe.
para que nada case nunca
te pille lonxe.
que os tempos amigo...
aínda non son chegados.
e canto chega amigo...
avisa pouco.
velaí que as marcas de vangardas
en lugares íntimos.
as da loita que se anuncia
van de putas polas noites.
e polas mañás como a pan fresco
abeiran a ollos perdidos.
e sen atoparse en nada...
e sen elas verse... en nada.
non entres na aula aberta das proclamas
e baixa ao mostrador... e bebe.
cóllete de ganchete do que ti creas,
e bótate a perder... se así che peta.
e bótate a perder...
se así che peta.