Castellano Galego Ben que recordo cando rapazolo o camiño a Peleteiro, primeiro fronte á delegación de Iberia, na Rp.Arxentina e logo xa aló preto de Ramirez pegadiño á casa de Estepa.Alí xa, marcando a hora a serea da Tintorería España, comezaron os primeiros pitillos e os primeiros amoríos.Tamén nas hortas de detrás á casa de Arrojo, quero pensar que así foi, xogamos ben veces ao futbol cunha pelota especial. Unha pelota das de " gorila", verde non grande, que daban de propaganda por mercar un par de zapatos desa mesma marca ( " gorila").Tamén as primeiras gominolas foron mercadas, ao igual cós regalices,na botica de Costas Canoura que estaba ao lado do colexio e non onde agora, alí na praza de Ponte Castro, penso que así se chama.Tamén xogabamos ao futbol no solar que nos permitía a cocheira da aviación, agora cos edificios da Rosaleda, non os chalés, ollo.Como eramos moi novos non nos tiraba da atención o edificio, ao lado de onde onde vivía o avogado Porteiro, que era onde daban radiacións ( especial para o cancro), pero ao ser noviño non se pensaba nesas cousas.As distancias estaban relativizadas.Pasar da alameda xa era lonxe. Ir por Matacáns cara á cocheira de Castromil, pasando por FENOSA, xa era lonxe e a Rapa da Folla e a Costa Nova, como o Camiño Novo, eran lonxe. Meu pai non quixo unha das casas de Ramirez por estaren lonxe ( manda nabo)...Por estaren lonxe!!! Hai que ver. Pois ben ir ao monte da Almáciga era unha verdadeira excursión como ir ao Viso de Sar, cerca do Gaiás ( onde queren facer " faraonismo" coa mal chamada " cidade da cultura"). Recordo que dunha vez contaban que en Aríns ocorrían cousas milagrosas, que se torcían olas e culleres, cazos e garfos, por obra do " demo" e aló fomos por ver. Recibíunos unha señora e ensinounos algo. Unha culler dobrada...e viñemos para Compostela con moito medo no corpo e temerosos de que a cousa aquela do demo chegase á cidade ( claro que sempre nos salvarían o Apóstolo e o Pilar , como dicía un algo maior cá nós,moi relixioso, dicía con rotundidade que España non podería pasar mal nunca máis pois coidaban dela o Apóstolo Santiago e mais a Virxe do Pilar e con esta parella de tanto peso en España bastaban para salvarnos de todo mal e a nós acaíanos ben aquela cousa de estar tan ben protexidos, si señor, acaíanos ).Ir ao Pedroso xa era unha fazaña que contar. Con frecuencia si que caíamos polo río dos Sapos, alí por baixo do Monte Pío ( agora lugar onde ten a vivenda o Presidente da Xunta). A cousa era por nos bañar, pois Compostela non ten mar, aínda que ten unha Sta Marta e tren tamén, pero sen tranvía. Ai Compostela nosa ( e moi miña)! Canto teño que contar de ti! Canto me dás para poñer en activo e para activarme.