Compostela Castellano  Galego  

o brado

parecer e digo

NENO DA RÚA

13/05/2006

Por aqueles anos de cincuenta e catro en diante, a partir dos nove,en Compostela, vivindo xunto do Campo da Leña, indo á escola á rúa do Franco, a xunto de Don Antonio Alonso, mestre represaliado, da FETE en Cuntis, o Baño, esposo de Dona Elena, mestra guapísima e de presenza tanta como autoritas ela e mailo seu home, fomos indo pola Compostela de auga bendicida, de mentira e rosario, de falsidade e oración na Corticela. Velaí que nós os nenos, as nenas non daquela, que non andaban polas rúas connosco, que nós transmitíamos o que viamos a cada paso, que se dicía normal sen o ser, pois ben, nós, logo de irmos de baño ao río dos Sapos, no Espiño en cerca de Sta Isabel, tamén buscabamos vida na praza do Hospital cos turistas. Moitos deles portugueses de alta clase, non os outros, os de basee proletarios, que estes acaían por xunto do Campo da leña e alí cos forniños de petróleo cociñaban sobre todo bacallao con arroz en branco.Sempre terei esa sensación, ese arrecendo, na miña memoria de rapaz en Compostela. Pois ben cos ricos turistas, xa digo, moi en especial portugueses e alemáns, indicabámoslle orientación na cidade e por iso dábannos algunha moeda, nada de billetes, e así poucoa pouco iamos xuntando algo e pasabamos por xunto dos "botones" do Hostal e el facíanos o troco en moeda de curso legal aquí. Con ese capital iamos ao Lois ou ao 16 a xogar ao futbolín e pasabamos por Severo a mercar algunha lambetada. Tanto no Lois como no !6 había bocatas de sardiñas que sabían a gloria e ao lado no ROIS uns de calamares que facían ver aos anxos. Nós, aqueles nenos, sen pasar fame nas nosas casas, si tiñamos necesidades, claro que si.Nós eramos nenos da rúa. E agora recordo unha hstoria recente ao cabo disto. Un xornalista foi a Perú ou a Bolivia, non poido dicilo certo, e alí arrodeárono unha caterva de rapaces para pedirlle atención e que lles dese algo de moeda. O xornalista en carto líquido soamente levaba unha moeda de cincocentas pesetas, de aquí, do Estado español. Un dos rapaces aqueles, da rúa, mirouno e logo de que o xornalista lle explicase que aquela moeda non valía no país no que estaba,preguntoulle: ¿ Que podes mercar con iso en España? E o xornalista foille dicindo o que podía mercar. Galletas, pan, leite, algo de embutidos e conservas, etc..Non moita cousa, pero podía sacr a fame dun neno en dous días.E vai daquela o neno aquel, peruano ou boliviano, e díxolle: pois ao chegar aló a España ao primeiro neno cma min, dos da rúa, que atopes, dalle a moeda e recórdame. O xornalista seica o fixo. E recódao todo a cada momento e móveselle a conciencia e... Nós en Compostela por aqueles anos, que xa irei contando máis, eramos tamén nenos da rúa. As moedas dos outros lugares nós si as levabamos a trocar ao Hostal. Franco aínda nolo permitía e o arcebispo, e o confesor, eo "padre" espiritual, e o "villeu" e o "sereno" e o da policía armada e ... Eramos nenos da rúa.

http://compostela.cidadans.net/datero/2006/05/13/neno-da-rua/
1 Comentario - Enviar comentario

Comentarios:

  • 1. precioso sigue así,

    Publicado un santiagués | 13/05/2006 20:42:12

Facer comentario


 

(Fixar cookies para o nome, email & url)

Valid XHTML 1.0
Valid CSS
Algunos derechos reservados
Algúns dereitos reservados